Retrato de Pastor Díaz. Museo del Prado.

Retrato de Pastor Díaz. Museo del Prado.

Dí o grande Otero Pedrayo[1] que existen dous momentos estelares na recuperación da cultura galega que teñen como escenario a meiga cidade da Coruña: a celebración dos Xogos Florais o 2 de xuño de 1861, do cal falaremos noutra ocasión, e o glorioso discurso de Nicomedes Pastro Díaz Corbelle o 4 de novembro de 1846.

Pastor Díaz, nado na Rúa de Abaixo no casco histórico de Viveiro en 1811, estudou no Colexio Insigne da Natividade da vila do Landrove[2] as primeiras letras, e como todo o mundo con posibilidades naquela provincia de Mondoñedo do Reino de Galicia, pasou polas aulas do Seminario Conciliar de Santa Catalina da cidade mindoniense antes de ingresar na Universidade de Santiago de Compostela. Na cidade da Rúa do Franco, Nicomedes coñecerá as frías noites húmidas e de liberación xuveníl poética entre os latíns da carreira de Dereito. Frías eran as aulas da Colexio de Fonseca e frías eran as augas do Sar, a onde baixaba a saudalas o adolescente Pastor Díaz, quizais pensando no amor platónico de xuventude[3]. Na cidade compostelá escribirá o poema de amor de moi de mañá e de xuventude «A Alborada» no ano 1827[4], que podemos considerar a explosión de arranque do Rexurdimento.

A nosa Emilia Pardo Bazán dixo que Pastor Díaz ó decidir desprazarse á Villa y Corte de Madrid para participar da vida na Administración[5] e política liberais traicionouse a sí mesmo, afogando as musas no río Landro. Curioso ver ó poeta precursor e iniciador participando do gabinete do ministro de Burgos, cercenador do Reino de Galicia, o mais antígo do Occidente, de oríxe inmemorial.

En política, Pastor Díaz foi defensor da monarquía liberal encabezada pola raíña nena Isabel II[6] e da rexente, a súa nai, María Cristina. Un dos coñecidos «puritanos» defensores da Constitituciín de 1837 e do equilibrio entre os logros da revolución e mantemento das tradicións pero alonxado das postulados dos absolutistas ou integralistas. Logo do pronunciamento do Capitán Xeneral Baldomero Espartero, Duque de la Victoria, en 1841 e a saída ó exilio de María Cristina, chegou o momento dos liberais coruñeses. Baixo a supervisión do home de Espartero, o xeneral Iriarte, logo nomeado Capitán Xeneral de Galicia, formouse a Junta Provisional onde están os progresistas coruñeses, nomes como José Cepeda, Pedro Andrés Mourín, Santos Allende, Nicolás de Luna, Juan Francisco Fernández, ou sobre todo, Vicente Alsina. A pro-dama Juana de Vega, viuva do mítico xeneral liberal Francisco Javier Espoz y Mina dende decembro de 1836, foi nomeada Camarera Mayor de Palacio e aia da raíña nena e da súa irmá Luísa Fernanda, e os moderados e defensores até última hora de María Cristina no porto de Valencia antes do exilio, foron castigados duramente por Espartero. Pastor Díaz foi encadeado.

As nosas visitas guiadas na Semana Santa de Viveiro. Aos pés de San Francisco, onde hoxe repousan os restos de Pastor Díaz.

As nosas visitas guiadas na Semana Santa de Viveiro. Aos pés de San Francisco, onde hoxe repousan os restos de Pastor Díaz.

As eleccións de 1843 as listas antiesparteristas gañaron e a Espada de Luchana disolve as novas Cortes, motivando un novo pronunciamento dos elementos moderados que levan a súa caída. Na Coruña é o momento dun novo Gobernador Civíl, o xeneral Martínez, perseguidor de toda idea de renovación, e da nova corporación municipal de alcaldes como Juan Flórez e os prohomes do moderantismo coruñés como Bruno Herce ou César Tournel.

Coa caída do réxime de Espartero, as cousas mudan. Dificultades para o cenáculo progresista coruñés, e Pastor Díaz medrará en política, aínda que era dos críticos ao militarismo de Narváez, o novo director da política española.

Elixido deputado nas eleccións de 1843 pola Coruña, foi premiado có nomeamento como Secretario do Banco de Isabel II, e repite como deputado tras as novas eleccións convocadas polo novo réxime en outubro de 1844.

Nas Cortes defende a dotación por parte do Estado da Igrexa Católica, defende a validez da Constitución de 1837, e mesmo realiza unha viaxe de dous meses a Londres, onde coñece de primeira mán as institucións do modelo liberal británico.

E chegamos ó ano 1846, triste para Galicia e para a súa cabeceira liberal, A Coruña, polo sacrificio dos heroes de Carral[7], resposta ante a ríxida tiranía de Narvaez. A proclama da Revolución de 1846 será realizada polo secretario da Junta Antolín Faraldo[8], betanceiro que ó igual que Pastor Díaz fora estudante do Colexio Insigne de Viveiro e da Universidade Compostelá. O sable do movemento será o comandante do Rexemento de infantería Zamora, acuartelado na Coruña, Miguel Solís y Cuetos, que se convertirá en mito.

Aínda non se apagaran os ecos da revolución de Galicia, cando o goberno anunciou o casamento da raíña Isabel II e da súa irmá Luísa Fernanda, cuestión que supuxera nos derradeiros tempos unha crise nas cancillerías europeas[9]. Precisamente o parlamentario Pastor Díaz leu o seu discurso na cámara «El matrimonio de S.M. y el de su augusta hermana» o 17 de setembro, pouco antes de voltar a Galicia e visitar Viveiro e lembrar os fríos tempos universitarios en Compostela. Pero sobre todo, regresou a Galicia para dar o seu importante discurso no foro coruñés.

Ocorreu o 4 de novembro no Teatro de la Franja ou de Variedades, sede por aquel entón do Liceo[10] coruñés.

Aquí estivo até finais do XIX o Teatro de Variedades. Rúa coruñesa da Franxa.

Aquí estivo até finais do XIX o Teatro de Variedades. Rúa coruñesa da Franxa.

Aquela Coruña en 1846 era unha cidade pesimista polos feitos de Carral, pola antipatía manifesta do goberno central moderado, duns 20.000 habitantes, cun Hospital da Caridade e Inclusa de Expósitos absolutamente superados polas ondas de xentes caídos na miseria, enfermos e mendigos vidos das aldeas para implorar asistencia nuns anos de peste[11], sen apenas institucións educativas[12] mais alá das escolas relixiosas. Pero era unha Coruña onde brilaba por aqueles anos a figura do xove abogado vivariense Luís de Trelles y Noguerol.

Era uns anos mais novo que Pastor Díaz[13] e levaba afincado na Coruña dende 1842, onde aos 23 anos abreu un moi coñecido bufete moi cerca da Colexiata, na Veeduría. Neste ano 1846 Trelles era Auditor sustituto de Guerra na Capitanía Xeneral de Galicia e Fiscal sustituto do Xulgado de Guerra, ubicado no fermoso pazo do XVIII denominado Casa da Veeduría. Desempeñaba estos dous oficios de xeito interino, pero indefinidamente. Publicará na revista El Centinela de Galicia, e moi pronto será o home administrativo, de confianza, dos Capitáns Xenerais de Galicia.

Luís de Trelles.

Luís de Trelles.

O xove avogado asisteu ó Teatro da Franxa para escoitar a histórica declamación do ilustre paisano. 6 anos mais tarde Pastor Díaz facilitará a entrada de Trelles nos círculos culturais e, o que é moi importante, o ingreso na Administración liberal en Madrid.

Aquel día Pastor Díaz naquel teatro da Franxa falou a Galicia:

«Si en algún momento Galicia dejó de ser mi patria política, nunca dejará de ser mi patria literaria».

O Trelles coruñés aínda non era político, era un profesional do foro. En Madrid pronto quedará desencantado polas políticas tanto de moderados como de progresistas, sobre todo con respecto á Fé Católica, onde sempre se refuxiou. Por iso rematará a súa vida abrazando postulados ultramontanos. Será Carlista e fundará no 68 a Adoración Nocturna Española. Establecendo o grupo da Adoración en Zamora, morre en 1891[14]. Hoxe é Beato e a súa causa de caconización en Roma está aberta. Pero éste da Coruña é outro Trelles.

O que asiste á Franxa aquel 4 de novembro de 1846 era un mozo moi responsable e cargado de soños, que asistía á visita que a Luz de Galicia en Madrid realizaba na Coruña, a declamación do Príncipe do Romantiscismo. Otero Pedrayo destacará este feito como fundamental do Rexurdimento, na Coruña, onde brilaban duas estrelas de Viveiro. O liberalismo esparterista postergado e dominante na cidade, os Juana de Vega e Alsina permaneceron na súas casas afeando deste xeito a presencia dun home ó que vían como axente de Narváez, ao que odiaban. Mesmo o Capitán Xeneral Martínez tivo que tomar medidas nese 1846 ante os rumores que circulaban na Rúa Real dun desembarco nas costas galegas de refuxiados armados esparteristas. Na residencia de Juana de Vega maquinábase en contra do goberno, mesmo coa presencia do cónsul da Súa Maxestade Británica.

Nicomedes Pastor Díaz ten unha rúa adicada na Coruña, entre a Fábrica de tabacos e o Parque Europa, onde desembocaba o Monelos, ao igual que o Landro a fai en Verxeles, e Trelles tivo até fai pouco unha humilde placa na casa onde tivo residencia e bufete na Veeduría.

Pastor Díaz foi o mais laureado poeta dos Xogos Florais da Coruña do 1861, recollido no Album de la Caridad de López Cortón, e debía prologar os Cantares Gallegos de Rosalía en 1863, pero morre en Madrid case na miseria días antes de facelo.

 

[1] Ramón Otero Pedrayo. Guía de Galicia. 1926. Pág. 199.

[2] Vila do Landrove daquela. Hoxe haberá qué dicir Cidade do Landro. Cidade dende a concesión de tal título pola raíña Isabel II á que Pastor Díaz tanto defendeu, e Landro, pois hoxe o río principal que desemboca na Ría de Viveiro é mais coñecido por esta forma acurtada, case a xeito de adaptación poética. Fausto Galdo mesmo daralle ó mesmo pastor Díaz a primeira autoría desta denominación.

[3] Murguía mesmo dixo que tras coñecer a morte de Eulalia, pensou en tirarse ó río. Tremenda escea romántica para un príncipe do Romanticismo. Chao Espina indicou igualmente a procedencia de Eulalia: a parroquia vivariense de Galdo. Historia quizais retratada para a eternidade no conto «Una cita» do propio Pastor Díaz.

[4] O polígrafo vivariense Xosé Insua dí que dende A Alborada de 1827 de pastor Díaz a De catro a catro de Manuel Antonio de 1927 hai un século no que a literatura galega se desenrrola con unha velocidade vertixinosa, dende os tempos escuros do primeiro Rexurdimento, ou mais ben os Precursores en afirmación murguiana, até as avangardas europeas.

[5] No recén instaurado Ministerio de Fomento, «óbra y gracia» de Javier de Burgos, o Laminador do Reino de Galicia.

[6] Pastor Díaz morre en 1863, sen ver, pois, a caída de Isabel II tras o triunfo da Gloriosa de 1868. A raíña, acusada de ingrata, vengativa e mesmo de adúltera polo mozo republicano Fernández Latorre. Abandoada por todos, mesmo polo seu valedor Leopoldo O´Donnell, xefe político de Pastor Díaz.

[7] O Rexemento Zamora de claras inclinacións esparteristas será movilizado hacia Valladolid polo novo goberno de Narvaez para telo máis controlado, pero sublevarase en Lugo. Solís dará marcha atrais e acampará en Eirís, incapaz de entrar nunha cidade ben illada cara o exterior polas medidas do Capitán Xeneral Juan de Villalonga. Finalmente, o exército sublevado dirixirase cara a Santiago, donde será derrotado en Cacheiras. Solís será fusilado diante da igrexa de San Estevo de Paleo en Carral. Él mesmo dará as ordes ó pelotón de fusilamento, tal e como fixera o mártir antiesparterista xeneral de cabalería Diego de León no 42.

[8] No cal proclama que «chegará a conquistar Galicia a influencia de que é merecedora, colocándose no alto lugar á que está chamado o antigo reino dos suevos».

[9] Gran Bretaña e Francia esixiron que se buscara un Borbón como esposo de Isabel. O seu primo carnal don Francisco de

[10] Ubicado en el solar da Rúa da Franxa onde en 1767 Feliciano Míguez ergueu o Salón Filarmónico. En torno ó 1823 foi reformado por Bernardo del Río, óbra do afamado arquitecto municipal Melchor Prado Mariño. Este Teatro Viejo, de Bernardo del Río ou de Variedades foi a platea coruñesa até a inauguración do Teatro Principal, hoxe Teatro Rosalía de Castro, en 1840, óbra de José María Noya, tío de Manuel Murguía. A partires de entón o local alugarase a asociacións culturais coruñesas. Dí Federico Tetamancy na súa Historia Comercial de la Coruña que o Teatro de la Franja foi sede da Sociedad Liceo Brigantino no período 1845-1848, que é cando declamará en el Pastor Díaz. Será demolido en 1889. Faustino Domínguez Coumes-Gay, o arquitecto de don Eusebio da Guarda, realizará o actual Edificio Simeón, ubicado no núm. 22 da Rúa da Franxa, hoxe sede dos Servicios Económicos do Concello da Coruña.

[11] Na década dos 40 a peste é endémica. Haberá unha forte crise de pestilencia en 1847. O porto coruñes era foco de entrada destos males. No 1856 a Condesa de Espoz y Mina Juana de Vega abrirá o seu pazo ós enfermos e a Corporación pedirá o título para ela de marquesa de la Caridad, que rexeitou.

[12] Non será até 1887 cando o coronel de artillería Camilo Rodríguez-Losada y Ozores financiará as Escolas Populares na parte alta da Cidade Vella, coñecidas có nome de «escolas do caldo», xa que os nenos non só podían enriquecer o intelecto, senón tamén a barriga.

[13] Luís de Trelles naceu na vella Pescadería de Viveiro, na rúa que hoxe leva o seu nome, o 20 de agosto de 1918. Pastor Díaz leváballe 8 anos.

[14] Trelles está soterrado na Catedral de Zamora.