Unha Semana Santa poderosa, do pobo, pedagóxica e dogmática, moi franciscana. Tamén dominica. Moi celta, recollida, austera, moi galega.

Os freires franciscos, pobres e mendicantes, sacaban as imaxes á rúa e escenificaron as paraxes e pasaxes de Galilea na verde Galicia do Norte. Aínda hoxe traballa e procesiona, fiel ó seu moi solemne xuramento a Terceira Orde Franciscana, gardadora, na súa fermosísima capela do mosteiro de San Francisco, do Cristo dos Franceses que o pobo de Viveiro debe a súa salvación. Ela e a cofradía do Rosario son as máis antígas.

Claustro de San Francisco de Viveiro. Eu son moi franciscano

Claustro de San Francisco de Viveiro. Eu son moi franciscano

O Rosario levanos ó século XVI, a Lepanto, ó viaxe a Terra Santa do xesuíta García Junceda que trouxo de Roma as reliquias que se atesouran en Santa María do Campo. Precisamente neste templo máis antígo da cidade histórica se asenta esta cofradía, a ás súas costas esceníficase ó xeito medieval.

Na Contrareforma a Semana Maior convertese na grande Misión evanxelizadora neste porto do tráfico internacional frecuentado por xentes de dubidosa fé que comercian có liño necesario para os lenzos Viveros, tan afamados nos mercados casteláns.O inglés John Dutton escapa da Reforma de Henrique VIII e será cofrade do Rosario, como toda a nobreza desta nobre cidade. Neste tempo chegan os irlandeses á Mariña da Provincia de Mondoñedo como os O´Kelly fuxidos da súa patria tras a desfeita de Kinsale. Aquí os gaélicos atoparán ese cristianismo celta e atlántico, o mesmo có do bispo santo Maeloc de Britonia.

O ilustrado XVIII e moi longo XIX son tempo de crise para a Semana Maior, aínda que deste último século son os aparatos e tallas amados polo pobo: a Derradeira Cea do escultor mariñeiro Sarmiento e o Nazareno articulado da Escola do Reino de Valencia. Mesmo se dí que Pastor Díaz se namorou un Xoves Santo.

Na Semana Santa de Viveiro

Na Semana Santa de Viveiro

No XX do grande bispo, arcebispo e cardeal Quiroga Palacios, novas cofradías e irmandades lanzarán a Semana Maior na Idade contemporánea e turística, esa que a declarará Internacional. Industriais, profesionais, estudantes, e mesmo «os de fora», os eternos habaneros de Vilar Ponte, contribuirán á grande óbra, onde sempre houbo sitio para todos, ata para os non practicantes.

Cofradías da Piedade, do Prendemento, os chacareros, da Santa Cruz de mulleres, das Sete Palabras, do Nazareno dos de Fora, da Misericordia…e o pobo personaxe nas rúas dunha das vilas mais antígas da Cristiandade.

Tallas do século do Mariscal e da beata Constanza de Castro, do barroco, dos grandes imaxineiros galaicos seguidores do grande Asorey, e os polémicos andaluces vidos nos derradeiros anos da mán das Sete Palabras.

Unha Semana Santa onde non hai costaleiros, senón levadores, onde como en ningún lugar do orbe se pode vivir a maxia dos dramas liturxicos medievais, os barrocos sermons do Barroco e o recollemento innato deste cristianismo celta, que non aplaude nen canta saetas, senón que á súa maneira segue a falar gaélico.

Nas Concepcionistas de Viveiro

Nas Concepcionistas de Viveiro